xoves, 23 de abril de 2015

Saneamento lugar d'Os Vicás, parroquia de San Xiao

Dende a Área de Medio Ambiente e Territorio do Consello Cidadán de Narón queremos expresar a nosa preocupación pola falta de actuacións, por parte do Concello de Narón, para solucionar o problema do saneamento no lugar d’Os Vicás, na parroquia de San Xiao.

Un problema que segue, tras case nove anos de reclamacións e falsas promesas. En 2010, apenas un ano antes das eleccións de 2011, anunciábase en prensa que o lugar d’Os Vicás tería saneamento1, mais ate agora fica como outro dos moitos compromisos incumpridos por parte do goberno local.

Tras visitar a zona, e falar cos veciños afectados, estes transmitiron a falta de palabra por parte do Concello para instalar unha canalización, nun treito duns 500 metros desde o cruce dos Vicás, que evite as verteduras daquelas augas que non poden ser almacenadas en fosa séptica á beira da vía. O resultado son malos cheiros e o xerme dun problema ambiental que, lonxe de ser solucionado, segue enquistado na zona. no video a continuación podedes ver esta canalización:


Dende Podemos Narón consideramos que é inconcebible que no século XXI haxa zonas dun concello que se gaba de ser CIDADE que carezan de algo tan básico como o saneamento. Iso proba a falta absoluta de interese por solucionar un problema que trascende do eido ambiental. Ademais, consideramos que aquelas actuacións que son promesa electoral deben ser cumpridas na propia lexislatura e nunca deberían ser condicionadas a unha reelección. Iso é xogar con familias que esixen unha solución definitiva. Desde Podemos Narón queremos mostrar o noso apoio aos veciños d’Os Vicás e ofrecernos para traballar de cara a solucionar todos xuntos un problema que levan anos denunciando.

Ningún comentario :

Publicar un comentario